Friday 10 de May de 2024

Tres días de música e actividades con motivo do XLIV Festival Irmandiño


A Asociación Cultural Irmandiños ultima os preparativos da 44ª edición do festival folc que durante tres días -de venres a domingo- encherá de música e outras actividades paralelas tanto o campo principal de Melle como a contorna do castelo, escenario noutro tempo da revolta que se rememora esta fin de semana con troula e cultura. O programa éche ben cumprido, con repichoca popular na noite do venres; sesión vermú, asalto ao castelo -infantil e nocturno-, xogos e concertos o sábado; e, por último, o domingo ao pé da fortaleza, xantar campestre e música até o serán. O Concello de Moeche colabora de novo co Festival Irmandiño cunha achega económica de 6.000 euros e xestionando dous dos grupos que compoñen o programa, ademais de manter aberto de balde o castelo durante a xornada do sábado.

O Festival Irmandiño repártese en tres xornadas nas que a actividade vai in crescendo até a noite do sábado para despois ir baixando a intensidade até a última hora da tarde do domingo. Así, o quecemento producirase este venres 18 a partir das 22:00h cunha foliada popular aberta a pandereteiros, gaiteiras, acordeonistas, beiladoras e beiladores e todas aquelas persoas que queiran sumarse a unha festa máis recollida que a do sábado, aínda que nos últimos anos foi sumando asistentes e consolidándose como punto de encontro para toda a xente asídua das repichocas que hai na comarca.

O sábado 19, día grande do Irmandiño, o castelo estará aberto de balde desde as 11:00h, ofrecendo a posibilidade de visitar todas as súas estancias e co aliciente engadido da exposición Lost in Woodlands, do fotógrafo mugardés Álvaro Lamas. O propio autor botará parte do día na mostra para contar algo máis da súa inspiración e das motivacións dun proxecto que reflicte a natureza da nosa zona, ademais de explicar as técnicas utilizadas en cada unha das súas espectaculares imaxes.

A partir das 13:30h o movemento trasladarase ao campo do festival, onde se organiza unha pequena sesión vermú con picadiscos que practicamente enlazará co asalto infantil ao castelo. A iso das 16:30h a rapazada revivirá os episodios medievais case coa mesma ansia que os Irmandiños, só que nun tono lúdico e cambiando as armas por globos de auga.

Xusto ao remate da contenda da cativería, ás 18:00h, comezará a competición de xogos tradicionais -tiro á corda, lanzamento de “alpaca”, etc.-, outro dos momentos clásicos do Festival Irmandiño que finalizará dándo o tempo xusto para cear algo, mercar un suadoiro para tornar o fresco e sentar no campo para asistir á primeira parte dos concertos da noite.

O primeiro en actuar, das 21:30h en diante, será o acordeonista pontés Andrés Penabad, seguido do grupo vasco Huntza -23:00h- na que seguramente sexa unha das últimas oportunidades de velo sobre un escenario, despois de que este mesmo ano anunciasen a súa disolución.

O momento culminante da noite volverá ser o asalto ao castelo, previsto para as 00:45 horas, aproximadamente, e precedido do pregón, que este ano será pronunciado polo músico e activista cultural Jasper (nome artístico do estradense Pablo Carracedo), antigo membro de Nao e agora embarcado nun novo proxecto man a man coa pandereteira Nebeda Piñeiro.

Tralo pregón, o asalto e a sempre abraiante sesión de fogos “de lucería”, a música volverá a iso das 01:15h ao escenario principal coa Banda Xangai -encabezada por Xurxo Souto e con outros compoñentes de renome do Bravú-, seguida, ao peche da noite, do grupo Bestas, creado este mesmo ano.

O último día do Festival Irmandiño, o domingo 20, a troula situarase ás portas da fortaleza medieval, nunha proposta de formato algo máis reducido que comezará ás 13:30h con sesión vermú e posterior merendada campestre. Pódese levar o xantar da casa ou ben mercar por 6€ un prato colmado de liscos, xamón cocido, crioulo e un cachelo, ademais dun bocado de pan. Xantar contundente e con fundamento para recuperar forzas de cara a unha tarde musical animada desde as 16:30h por Encrucillada e desde as 17:30h por Os D’abaixo, encargados de poñerlle o ramo ao Irmandiño até a edición do ano que vén, que será a 45ª.

O Concello de Moeche colabora coa organización na loxística, facilitando colectores e intermediando na solicitude de agrupacións de Protección Civil. Ademais, o consistorio tamén achega 6.000 euros por medio dunha subvención nominativa en favor da AC Irmandiños de Moeche e xestionou as actuacións de dous dos grupos que compoñen o programa: a Banda Xangái, solicitada polo Concello á Rede Cultural da Deputación da Coruña, e Os D’abaixo, que forman parte do catálogo da rede Dinamiz-artj dos Convenios da Transición Xusta.